¿QUE É CORISCO?

Corisco é unha Asociación fundada en xullo de 1987 co obxectivo de dar saída ás inquedanzas dos fundadores de entón, impulsados por Pablo González, que ten como fin gozar do que fai e enxalzar o folclore galego en toda a súa magnitude. Conta con dúas seccións fundamentais: a de baile e a de percusión. O corazón desta Asociación é Pablo González, pero o motor e pulmón é o grupo de danza, que está formado aproximadamente por 35 persoas, sen as que Corisco non sería nada. As actuacións do grupo de danza, dependendo das características do lugar onde se realice a actuación, conta cun número de bailaríns que oscila entre as 5 ou 8 parellas mixtas, e tenta reflectir en todas elas o traballo que levan ó cabo durante o ano, nas horas de ensaio e investigación do noso folclore.

Como é Corisco
Como Corisco é un grupo de amigos, que teñen en común un mesmo desexo: gozar cos bailes, a música e todo aquilo que teña relación co folclore de Galicia. Alén disto, despois de queimar as nosas horas de lecer en algo tan bonito, tentamos que a nosa representación final sobre un escenario sexa o máis digna posible e á súa vez do agrado de todos os que gozades coas nosas actuacións.

Onde vai Corisco
Corisco irá por onde nós o levemos e por onde vós, cos vosos aplausos e críticas, nos deixedes. Iso si, sen decaer e pasándonolo da mellor forma posible, que tamén se trata diso. Nestes anos que levamos involucrados no mundo do baile, música, traxes, etc., fomos subindo banzos ós poucos, respectando a todo o mundo e dándonos a coñecer tal e como somos, sen ningún afán de protagonismo, e ascendendo ata onde nos atopamos neste momento. Seguiremos traballando para non caer e, se pode ser, seguir ascendendo.